quarta-feira, 25 de Fevereiro de 2009

Antroido 2009 (e xa levo 23)


Recén chegado do enterro da sardiña, e como non podía ser doutro xeito, teño a obriga de redactar o que deron de sí os pasados 6 días. Quizais debería dicir 12, xa que o Antroido comezou pra min unha semana antes do que agardaba, debido ó concurso de comparsas que se celebrou no Pazo da Ópera o día 15 deste mes de Febreiro ó que lle queda un suspiro.

O ano pasado "salteime" sen querer o post obrigado de despois do Antroido. Comentaba cos meus achegados que foi, senón o mellor, un dos 3 mellores Antroidos da miña vida. A pesar de que para os veteranos en idade da comparsa (e para os que se retiraron dela) sempre serei "o neno", a miña relación coa xente mudou dun xeito especial, e eso repercutiu en todo o demáis. Pero como eso xa foi, vouvos falar destes días pasados, que os teño máis frescos.

Os Maracos, como non podía ser doutro xeito, estivemos no antes mencionado concurso de comparsas, cunha posta en escena digna de nós mesmos (digo esto porque a maioría dos lectores "activos" do blog sabedes como nolas gastamos). Entre os sorrisos da xente botábamos o foguete que daba comezo ó noso mellor momento do ano.
Porque Os Maracos somos eso, somos Antroido, somos festa, ledicia e diversión. E sin eso non podemos vivir. Pra vivir reprimidos xa temos todo o ano. E no tempo de Don Carnal facemos o contrario do que se pensa. Quitamos a máscara coa que vivimos o resto do ano e nos deixamos ver tal e como somos, sen ataduras nen vergonzas.

O venres xuntámonos todas as comparsas nunha carpa instalada polo Concello nos Xardíns de Méndez Núñez. Despois dunha ronda de pinchiños, a música comezou a soar. Despois dun anaco divertido, puxemos rumbo á zona dos viños. Como éramos poucos e nos levábamos a carroza, era moito máis sinxelo crear un clima familiar, así que dentro dos bares, e acompañados da guitarra e dunhas cuncas de viño, comezaron a sair esas cancións que sorprende que saiba xa que datan de moitos anos antes de que eu viñera a este mundo, pero que tamén forman parte dos Maracos.

O sábado quizais é o día que máis asomella a un sábado normal, exceptuando o desfile polos Cantóns, algo que ata hai dous anos se facía o domingo, é que agora deixa o derradeiro día da semana sen actividade algunha, o cal propicia que sexa o día máis tranquilo, e que este ano cubrín acudindo ó partido do Dépor fronte ó Valencia en Riazor, algo ó que os demáis membros da comparsa tamén ían acudir e que ó final quedou en nada.

Este ano, un grupo de valientes, repetimos a comida do luns, que propuxen o ano pasado nunha tarde na Cervecería. Entón soaba como algo de tolos, pois o luns de Antroido é o suficientemente duro saíndo ás 9 da noite como para alongalo e comezalo ás 2 da tarde, pero funcionou, así que este ano volvémonos xuntar para aproveitar ó máximo o tempo. En agradable compaña, despachamos un pouco de empanada de Bergondo, paella e carne en rollo con pataquiñas. Acto seguido, chegaron as cervexas, que terían un descanso durante unha entrevista que nos fixeron en Localia, e que continuaron (xunto co viño, os cubatas e algunha bágoa) durante toda a noite e ata ben entrada a mañá polas rúas da cidade. Sen dúbida algunha, o luns de Antroido é o día grande.

Eran as 8 da mañá cando me estaba deitando, e ás 12 xa me estaba erguendo. En Monte Alto, barrio choqueiro por excelencia, agardaba por min o que ó principio era unha homenaxe e que despois se turnou nun dos momentos máis bonitos e especiais que levo vividos nesta comparsa.
Era a 1 da tarde do martes cando se lle facía unha homenaxe a Canzobre, un dos mitos do Antroido coruñés, e media hora despois estabamos na rúa San José (polos Maracos coñecida como "a calle de César") pra rendirlle homenaxe a dous choqueiros. Un deles, César, deixounos hai 7 anos. O outro, Palau, ex-concellal de Festas do Concello, en Outubro do pasado 2008.
Seguramente, eles dous, xunto con Canzobre e Nito, estarán formando unha comparsa aló onde se atopen.

O momento do que vos falaba chegou despois. Casa Odilo é un lugar mítico de Monte Alto, e ata alí nos desplazamos os poucos Maracos que aínda estabamos con vida despois da noite do luns xunto cos compañeiros de Monte Alto a 100 para tomar unha cerveciña pra resaca. Unha vez dentro, os amigos da devandita comparsa nos entregaron un folleto coas súas letras deste ano, e nos pediron que as cantáramos con eles. A guitarra de Wences, un home dunha idade avanzada pero que, como ten alma de choqueiro, semella un rapaz, comezou a soar e alí, nun lugar emblemático dun barrio emblemático, as voces de todos os presentes uníronse pra estremecer a este que vos escribe, que tamén se ve choqueiro de pro a pesares da miña xuventude.

Tras esto viría un xantar tamén especial (cuns poucos Maracos máis dos que éramos nas homenaxes), a xuntanza cos demáis no punto de encontro de costume, a típica subida á rúa da Torre, a foto de grupo (que como cada ano hai máis igrexas en obras, este ano tivo que ser na de San Andrés) e a derradeira cea do Antroido nun lugar que ultimamente frecuento bastante. Despois viría a volta "á casa" da nosa carroza, entre caras de tristeza e cansanzo.

Como vedes, un Antroido cos Maracos é distinto. É coma un traballo, cos teus horarios e todo. Hai pouco nos facían unha entrevista na que eu dicía que "é un xeito de vida". Unha persoa especial pra min pode dar boa fe deso, pois este foi o seu primeiro Antroido con nós, e está sufrindo as consecuencias, sobre todo na súa gorxa.

Pero non quero rematar este post sen lembrarme dunha persoa da que xa falei un pouco máis arriba, e que pra min, dende moi pequeno, dende que ía acompañado á Cervecería por meu avó e meu pai, sempre foi especial. Toda a vida me saludou do mesmo xeito. "Arriba las manos", me dicía no medio dun sorriso socarrón pero totalmente inocente. Nunca fun quen de erguerme o martes de Antroido pra ir á súa homenaxe, pero este ano fíxeno, porque realmente o merecía. El manexaba o seu propio calendario de Antroido. Para el, esta festa duraba dúas semanas máis que pro resto. Tampouco tiña límite de horario. Como lembra meu padriño, era quen de pasar días sen meterse na cama. "O Canto do Cuco", tasca de Monte Alto que pechou hai un tempo, era a súa segunda casa, onde tiña o seu propio rincón, "O rincón de míster César", o cal estaba adornado por fotos del, e que hoxe descansan no caixón da miña mesa. Era camareiro, era un Maraco, pero sobre todo era choqueiro. Este ano, o meu post de Antroido vai por ti, César.



Un saúdo para todos e... ide botando contas, que xa só restan 352 días para o seguinte.


1 comentarios:

vermella disse...

polo que vexo vives o Carnaval ao grande,eu tamén,ao mellor coincidimos pola Coruña,non viches unhas monxas "tuneadas".
bonita a historia que contas adicando este post.
saudiños.