quinta-feira, 18 de Maio de 2006

¿Qué foi daqueles tempos...?


Nesta época, na que os "estudantes" temos os exames xa ben presentes, sempre se me vai a cabeza pra onde non se me ten que ir. Que si o vrán, que si festas, que si que moreno me vou poñer, e un longo etcétera.
Pero este ano, e non me preguntedes por qué, viñéronseme á testa cousas do pasado, esas que sempre se din que non van volver, pero que non está demáis telas sempre presentes.
Retornan as lembranzas daquelas tardes en Corme, no Xardín Vello (ver foto), bañándonos na praia do Osmo ou mesmo na punta do muelle, larghándonos dende a ponte do barco de Poliño e coma esas, mil tolerías máis.
Lémbrome das festas do Carmen, de San Roque, nas que sempre había unha festa da espuma que remataba con nós no mar pra quitar aquel cheirume a fairy.
Agora xa nada é igual. Seguimos indo á praia, pero as guerras de bolas de area trocaron por partidos de fútbol ou volei. Xa non imos larghárnos á punta do muelle, parece que lle temos máis aprecio á vida. Xa non rachamos os pantalóns na Solaina, a carón da casa dos avós de René, máis que nada porque senón as nosas nais corrennos a vasoirazo limpo.
Ben certo é que agora tampouco teño queixa. Xa podemos saír e chegar ás tantas sen que ninguén che proteste, e que só che digan cousas como di miña avoa: ¿Qué meu filliño?, ¿durmites ben?
Trocaron as costumes. Como xa comentara noutro post anterior, imos recollendo as costumes dos nosos pais pero dándolles o noso toque persoal. Os cortos de cervexa que non falten. As partidas á subasta, á manilla, ó chinchón, ó tute.... E, como diría meu primo Pablo, os caghallóns os sábados na Ponte (Ponteceso).
Os tempos mudan de xeito que nós nin tan sequera temos un segundo para aprecialo. O tempo non agarda por ninguén. Mentres tanto nós, aqueles rapaces de Corme que crecemos nas franxas horarias de saír pola mañá ás 11 e ir comer ás 2, e pola tarde marchabamos da casa ás 3 e media e non volvíamos ata ben entrada a noite, crecemos dun xeito parecido.
Agora, por desgracia, vémonos menos, pero quizais eso influe no xeito de pasar o tempo cada vez que temos un minuto xuntos. A nosa infancia quedou atrás. Pero hai unha cousa que non mudará: a nosa AMIZADE.
Eso que construímos de pequenos, e que agora é tan sumamente grande. Vai por vós: Edu, Pablo, Isma, Brais, Manu C., Eloy, Juanín, Yosi, Sera, Many, Yago, Fran, .........
Un saúdo para todos e... ¡¡¡VÉMONOS NOS BARES!!!

1 comentarios:

riptide disse...

so podo dicir que viñeron a min moitos recordos o ler esto ;)

saude e ata dentro de pouco