segunda-feira, 15 de Maio de 2006

Día das Letras Galegas 2006



O vindeiro mércores é, coma cada 17 de Maio, o Día das Letras Galegas. Neste 2006, esta data vai ligada a un nome: Manuel Lugrís Freire.
Os encargados de seleccionar cada ano á persoa á que se vai homenaxear son os membros da Real Academia Galega. Este ano, ademáis, é moi especial para dita institución, xa que se conmemora o seu centenario.
Manuel Lugrís Freire foi un activo xornalista que participou nos procesos de creacións das institucións e dos fitos máis importantes para a dignificación da idioma e a cultura: na creación da Real Academia Galega, na redacción do Primeiro Estatuto de Autonomía, na constitución das Irmandades da Fala, foi un dos patrocinadores da Escola Rexional de Declamación da que sería presidente. Pero o seu currículo non queda aí, é autor dunha ampla producción escrita, que abrangue o xornalismo, a poesía, o teatro, o relato breve e os estudos lingüísticos e foi o fundador do primeiro xornal americano editado completamente en galego “A gaita gallega”.
Lugrís é un histórico galeguista, nado na localidade coruñesa de Sada, xurista, comediógrafo, poeta e agrarista, que ten no seu haber, como xa dixen enriba, o mérito de ter fundado o primeiro xornal integramente en galego da emigración. Trátase de “A Gaita Gallega” que se editou na Habana entre os anos 1885 e 1889. Foi unha das mostras do seu fondo compromiso galeguista que manifestou durante a súa estadía en Cuba a onde emigrou con a penas 20 anos. Ao seu regreso en 1896, Lugrís, pai do afamado pintor republicano Urbano Lugrís, participou en todas cantas iniciativas comprometidas coa lingua houbo no país. Foi un activo colaborador na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía, en representación do Partido galeguista.Entre os seus méritos que este ano fixeron decantarse a balanza a favor do seu nomeamento como homenaxeado no día das letras galegas do 2006, está o de ser un dos membros fundadores da propia Academia Galega. Institución da que chegou a ser presidente entre o 28 de abril do 1934 e o 20 de agosto do 1935. Pero o seu compromiso non se esgota aí, xa que foi o primeiro dos presidentes da institución en usar en público o galego nun mitin. Aconteceu no ano 1907 en Betanzos, nun acto do Sindicato Solidaridad Gallega, do que tamen foi fundador.
1 ano despois de que rematase a Guerra Civil (1940), que provocou a persecución de calquera actividade galeguista, Manuel Lugrís morreu na Coruña.
A obra de Lugrís
O seu claro compromiso co idioma levouno a que en 1922 publicase a Gramática do idioma galego, que é a primeira escrita na nosa lingua. Once anos máis tarde ingresou como correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Eduardo Pondal. Como creador literario, Manuel Lugrís tratou practicamente todos os temas e todos os xéneros, pero entre eles destaca sobre todo a súa obra teatral, coa que inaugurou o teatro galego en prosa. O Teatro Principal da Coruña e o Teatro Xofre de Ferrol foron os centros nos que se presentaron algunhas das súas pezas teatrais. “Minia” (1904), “Mareiras” ou “Esclavitú” figuran entre a súa bibliografía. Con “Soidades” (1894) inaugurou a súa faceta poética, un dos xéneros que tamén cultivou, aos que lle seguiron títulos como “Noitebras” (1901), “Ardencias” (1927) ou “As mariñas de Sada” (1928). Revista Gallega, A Nosa Terra, A Gaita Gallega, El Eco de Galicia, entre outros xornais e publicacións periódicas foron algúns dos espazos que publicaron numerosos artigos de Manuel Lugrís que asinou baixo os pseudónimos Asieumedre, L.U. Gris, K. Ñoto e Roque das Mariñas. Unha produción literaria que o o Centro Ramón Piñeiro compilou hai pouco nun volume chamado “A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire” dentro da súa coleción “Narrativa Recuperada”.
---------------------------------------
A crónica de hoxe
O día das Letras é unha data que debería estar sinalada en vermello nos calendarios de todos os galegos e galegas. É unha conmemoración que nos lembra que temos un idioma propio, que debemos falalo para que non caia no esquecemento. Cecais, cada un de nós, nas nosas concencias, temos que pensar qué é o que temos antes de perdelo de todo. Un idioma non é un xoguete que podas substituír por outro máis bonito. Un idioma é algo que vén dos nosos ancestros, que loitaron por non perdelo (e iso que ocasións non lles faltaron), e que temos o deber de ensinarlles á nosa descendencia para que eles podan seguir con este traballo.
Di o himno que "Os bos e xenerosos a nosa voz entenden". Agardemos que dentro de moitísimos anos, esta cita se poda seguir escoitando, xa que supoñerá que o noso idioma segue en pé, que aínda ten unha vida de seu, e que incluso na lúa, a pesar do que digan os ianquis, fálase en GALEGO.
Un saúdo.

1 comentarios:

formigho disse...

Espero, que poidamos celebrar durante moitos anos este día. E que cada día das nosas vidas se converta nunha homenaxe á nosa cultura, utilizando o noso idioma, e defendendo o noso, porque é o que nos fai únicos.

Sigue así, sendo ÚNICO.